domingo, 10 de marzo de 2024

Mañana será otro día. Capítulo 8: 10 de marzo.

10 de marzo

A historia sempre é necesaria lembrala. Rememorar determinados acontecementos convértese, directamente, nun acto de xustiza.

“10 de marzo” (2022), terceiro documental do director vigués Roi Cagiao, tras "O meu nome é Luís Ferreiro” e “Vigo 1972”, cóntanos os sucesos ocorridos en Ferrol en 1972.

O filme, que combina con mestría o documental e a ficción lévanos, de primeiras, ao caloroso verán de 1975. Alí, na sede do Tribunal de Orde Pública celébrase o chamado “ Proceso dos 23”. Neste xuízo, cunha chea de observadores internacionais, xúlgase aos dirixentes sindicais que encabezaron unha intensa loita contra o franquismo por defender os dereitos dos traballadores e traballadoras. Este combate contra a ditadura levounos aos tribunais xunto a cidadáns de diversa índole: persoas comprometidas politicamente, xornalistas, curas demócratas… Este xuízo vai moito máis alá de xulgar a uns “rebeldes”, senón que a propia ditadura franquista abórdao dunha maneira absolutamente partidista, querendo castigar a quen “non son dos seus” dunha maneira exemplar. Quedou claro este feito, con todos os focos internacionais postos sobre este xuízo, cando a fiscalía acusou de terrorismo aos principais líderes sindicais solicitando as seguintes penas:  Manuel Amor, 13 anos de prisión, José María Riobó e Rafael Pillado, 17 anos de prisión.

Neste xuizo, o réxime, quería dar carpetazo a unha das maiores rebelións que se atopou no conxunto do estado. A realizada polos traballadores de Bazán e parte da cidadanía comprometida no ano 1972. Esta rebelión tivo lugar en Ferrol, cidade natal de Francisco Franco.

O 10 de marzo de 1972, miles de traballadores da cidade, miles de ferroláns, lánzanse ás rúas, fartos dun réxime que os acosaba por loitar polos seus dereitos. Á altura das Casas baratas, a policía franquista disparou a matar aos bos de toda esta historia. Amador Rey e Daniel Néboa foron asasinados aquel negro día e houbo decenas de feridos.

***

Falamos agora con Roi Cagiao, director do filme 10 de marzo.

Por que unha película sobre o 10 de marzo?

Nun primeiro momento ía ser unha película sobre todo o acontecido en 1972 en Galicia; o ano onde Galicia significouse no conxunto do estado, pola súa loita. Un ano sen dúbida de gran épica, onde o progreso enfrontouse a un sistema totalmente reaccionario. Unha loita practicamente entre o ben e o mal. Un heroísmo entre unha gran parte da clase traballadora. Dada a relevancia que tiñan as mobilizacións de Vigo e todo o acontecido en Ferrol, decanteime por facer dous filmes: Vigo 1972, nun principio (2017) e a continuación comecei a traballar neste 10 de Marzo. A nivel persoal, dicir que todas estas historias escoiteinas na miña casa desde moi  pequeno. Todo era un tanto mitolóxico. Estas loitas conformaron unha forma de ver o mundo para os meus país e, sen dúbida, tamén a miña. Seguramente, sen todas estas vivencias, pensaría dunha forma moi distinta, seguramente dunha forma moito máis conservadora.

Cales son os principais valores que contén o filme?

Deste proxecto, 10 de marzo, onde contamos todo o acontecido en Ferrol, quedei realmente satisfeito. Penso que é un filme que funciona moi ben a nivel narrativo, cinematográfico. Ten un valor indubidable porque recolle os testemuños dalgúns dos principais protagonistas dos feitos e ven a preservalos e facer que non se perdan. Hai que dicir, que catro dos participantes no documental xa faleceron. Chegamos a tempo. Ademais, nestas entrevistas amosan unha gran lucidez. Isto sen dúbida, é un gran valor da película. Logo está o material de arquivo que sacamos á luz, sobre todo un material que nos facilita Navantia. Realmente importante para Ferrol e para o conxunto de Galicia. Vídeos que levaban décadas soterrados e que puidemos rescatar. E logo, poder falar duns acontecementos que foron claves para a historia de Galicia. Nesta historia recóllese o máis positivo da acción colectiva do pobo galego, dos últimos 50 anos. Un nivel de conciencia, de humanidade, de compromiso... E tamén penso que é realmente importante que estes valores axuden a comprender á cidadanía, á xuventude, que todos os dereitos sociais que temos, e que agora están en perigo, foron resultado dunha loita moi dura e moi heroica ao mesmo tempo.

Por que elixiches o formato documental mesturándoo con ficción e que dificultades presenta este tipo de traballo?

Cando abordamos a vida dunhas persoas concretas atopamos que non había suficiente material gráfico. Pensamos entón que era necesario, para poder contar parte das vidas de Pillado, de Amor, de Riobó, ou accións moi concretas, que a mellor maneira de facelo era a dramatización. É unha forma de ampliar a mensaxe  relatada e fai o filme máis interesante para o público. O feito de meter dramatizacións sempre é arriscado, porque se non funcionan, pode perder o documental solidez. Eu intentei que esa parte de ficción non se limitara a ilustrar unhas accións, senón que foran coma un fío condutor da historia, complementario das declaracións dos protagonistas do 10 de marzo. Na miña opinión, funcionan realmente ben. Tamén teño que dicir que todo isto o conseguimos grazas a moitas colaboracións que enriqueceron moito o traballo realizado.

En que fase estades co documental 10 de marzo?

O documental estreouse fai ano e medio en salas de cine e agora imos a sacar o DVD e logo irá a plataformas. Moveuse por diversos festivais coma o Festival de cine político de Arxentina, festival documentalista de Arxentina, gañador do Festival Internacional primaveira de cine, seleccionado en Cineuropa.... e logo todas as semanas que estivo en carteleira. Todo isto facilita a repercusión desta historia tan fundamental para Galicia.

 

O venres 15 de marzo, de novo en Ferrol. Este traballo, para un vigués coma ti, en que medida achegoute á nosa cidade?

Aínda que eu teño familia ferrolá, eu non era un gran coñecedor da cidade e facer esta película fixo que coñecera moito dela, da súa historia, da súa idiosincrasia, da súa forma de vida,...

Chámanme moito a atención moita cousas do relatado: O gran nivel de organización que se chegou a ter en Bazán, a solidez ideolóxica que se deu nos participantes, o nivel de compromiso, os líderes destes movementos... faime ver que nesta cidade tedes unha especie de “pavillón laico” con figuras do movemento obreiro fundamentais. Por estas persoas se segue tendo unha gran admiración e un gran respecto, que me resulta rechamante. Logo, eu sabía da polarización da cidade pero unha vez coñecida en profundidade, está claro que se palpa. Quédome un pouco con todo isto e, sen dúbida, foi unha gran aprendizaxe persoal.

***

O vindeiro venres 15 de marzo, organizado pola A.C.Fuco Buxán, ás 19 horas, con entrada gratuíta, no Centro Cultural Carvalho Calero, de Ferrol, realizarase a presentación do DVD “10 de marzo”. Tras a visualización, teremos un coloquio xunto ao director, Roi Cagiao e moitos dos protagonistas daqueles sucesos.

Nunca poderei agradecer a Roi o suficiente, o feito de que me convidase a participar neste magnífico proxecto. Poder interpretar na parte de ficción a un líder, a un ser humano, da altura de Rafael Pillado, foi algo especial e sen dúbida, unha experiencia que lembrarei toda a miña vida.

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario